MAMEDE CASANOVA ( O TORIBIO)


O BANDIDO DE PORTOBELLO
                           (Hixinio Puentes) 

A taberneira María Vispo tíñalle carraxe ao cura das Grañas pois non lle deixaba coller auga nun pozo.  
O motivo era que ela vivía arrexuntada cun seu primo. Logo veu o problema da feira. Ela non quería que lla  levaran de diante da porta da taberna, pero o dono do campo –Mamede Barro- valeuse do seu amigo o cura para que a celebraran na Aguieira e o alcalde deu orde de facelo así. Ó concelleiro Secundino de Lobo tamén lle amolaba que un cura e un cacique se saísen coa súa. O viño fixo o resto.
 Xunto con outras persoas destemidas, que non tiñan siso dabondo, e outras dúas traídas de Mera e As Somozas para axudarlles entraron na noite do 23 de novembro do 1900 na reitoral para darlle un bo susto ao cura, un escarmento e prexudicalo.Por un furado que abriron na parede entraron ó menos cinco dos dez que chegaron alí . Houbo tiros e o cura liscou por una fiestra. Leváronlle preto de dúas mil pesetas e logo decidiron matar a ama para que non os descubrise. Subiron ó sobrado Lourenzo Balseiro e Toribio, que era o máis novo deles. O que levaba un revólver do calibre 12 pegoulle dous tiros a Manoela Dominguez, quen caeu ao chan coas mans xuntiñas suplicando pola súa vida. Tódolos grañeses teñen idea de quen puido ser o autor material do feito, aínda que para o caso estaban todos incriminados. Os xuízos foron dos longos e soados. Rematouse con catro cadeas perpetuas e una pena de morte para Toribio.
 Pero a partires dos feitos a figura de Mamede Casanova, alias Toribio, foise engrandecendo coma un río cando se vai de madre. A facilidade que tiña para desfacerse dos grillóns e fuxir dos cárceres fai que se converta nun mito, no bandido de máis sona no século XX.

 Foi Mamede un rapaz atrevido, bravo, arroutado, moi forte, arteiro, intelixente e sabía ler e escribir, pero como moitos delincuentes tamén era un chisco inxenuo. Só a el se lle puido ocorrer cando aínda  non tiña os 16 anos, levantar un morto da campa do cemiterio para roubarlle o traxe que trouxera da Habana, e presentarse ós poucos días nun baile no campo do Pedrón. A Mamede non lle ía o traballo na terra. Quería ser alguén e arrimábase ás malas compañías e frecuentaba a taberna para tratar cos maiores de igual, pero non é aí onde está sempre a mellor xente. Por iso cando o asalto xa coñecía ben o cárcere de Santa Marta, de estar por alí catro ou cinco veces. En dúas ocasións fuxiu do cárcere e volveu tola á Garda civil. Non durmía dúas noites seguidas no mesmo lugar, camiñaba moito e algunha xente axudáballe mentres que outra tíñalle medo. Dicía ter poderes especiais cunha pega carrachente que lle libraba dos perigos. Puxéronlle prezo á súa cabeza e deste xeito puideron  trincalo. A traizón fíxolla o cura do Freixo dentro da súa reitoral, pois se esixía cartos a os curas coa idea de fuxir para as Américas. Caeu ferido dun tiro de muser na cociña do cura e estivo á morte. Logo viñeron os xuízos en Ferrol e na Coruña, os viaxes deica e volta a Santoña e moitos intentos de  fuxir. O rei perdooulle a   vida e quedoulle cadea perpetua. Os compañeiros das reclusións medrábanse cando chegaba el, polo carisma que tiña, e producíanse  motíns. Houbo que reforzar os cárceres e pensar en facer outros máis seguros. As xentes vían naquel mozo de tanta presenza persoal e simpatía a un mártir. As mozas suspiraban por el. O certo é que foi un elemento de moito coidado.

 Tódolos participantes no asalto pagaron dun xeito ou doutro a súa falta, pois aínda os que acadaron fuxir as Américas morreron de contado ou volvéronse tolos. Balseiro morreu cunha bala na cabeza no cárcere da Coruña nun segundo intento de fuga.

 A súa fachenda e as noticias nos diarios tamén foron parte da súa perdición . Dende que recobrou a súa liberdade no ano 1928 volveu ás Grañas disfrazado de esmoleiro e foi visto pola Coruña limpando zapatos. Uns dixeron que fora pola banda das Rías Baixas, pero de certo non se sabe onde nin cando morreu.

 Toribio foi protagonista de novelas de diversos autores tan nomeados como Valle-Inclán e a súa historia correu polas feiras en coplas de cegos e relatos de cordel.

Comentarios

matrioska_verde ha dicho que…
¡¡vaia vida de película!!

biquiños,

Entradas populares